a proposito di...

Descubrindo a loba branca. Entrevista a Brais González

Intervista in italiano

Brais González (Vigo, 1987). Intérprete destacado de piano e compositor atento a numerosos xéneros, desde o clásico ata o jazz, o folk, a música electrónica ou improvisada, Brais González é unha das presenzas necesarias nos festivais europeos. Alén dos premios recibidos e da obra publicada, a súa curiosidade lévao a integrar diferentes formacións e proxectos, entre elas Trío Bórea ou Caspervek, e a dialogar con outras disciplinas artísticas como o cine, o teatro ou a poesía. En agosto deste ano estreou no Festival delle Nazioni de Città di Castello, que nesta edición acollía as músicas do estado español, a súa primeira ópera, Loba branca (Lupa bianca), baseada nunha lenda galega da serra do Courel.

De todos os lugares nos que estás acostumado a actuar, por que Italia para estrear a túa primeira ópera? Que supuxo para ti?

Recibir un encargo dunha ópera (da miña primeira ópera) precisamente do país onde xurdiu un xénero e que continúa a ser un referente é pouco menos que un soño feito realidade. As oportunidades de estrear unha ópera hoxe en día son moi poucas. Coido que é un soño que todos os compositores temos sempre en mente, sendo conscientes de que é moi difícil levalo a cabo. Tómome este belo encargo do Festival delle Nazione como un auténtico regalo.

A ópera baséase nunha lenda galega, unhas da moitas que están protagonizadas por lobos e lobas. Estas últimas, como é o caso, en bastantes ocasións exercen un papel principal como xefas da manda, mesmo como raíñas. Explicaches nalgún medio que a escolla debíase en parte a algunhas cuestións técnicas que tiñan que ver cos requisitos que debía cumprir a obra para participar no festival. Cales foron os motivos da túa elección?

Efectivamente, as propias limitacións de elenco proposto polo festival para levar a cabo a produción foron as que me impulsaron a elixir a lenda da Loba Branca. Souben desde un primeiro momento que a obra ía contar con dúas solistas femininas e máis un coro, e que debía de estar baseada sobre algún tema, conto ou lenda tradicional do meu país. É realmente difícil atopar lendas populares na que unha das dúas personaxes protagonistas non sexa un home. A lenda da Loba Branca ofrecíame unha historia pouco explotada, con dúas personaxes femininas (a loba e máis a meiga) e a posibilidade de integrar o coro como a manda de lobos e os aldeáns da vila.

Ademais disto, o Courel foi desde hai anos unha terra moi especial. Teño unha tía vivindo e traballando en Folgoso do Courel. Nas visitas que puiden facer estes anos á Serra descubrín unha terra absolutamente máxica e un lugar que conserva a autenticidade que, por desgraza, case todos os lugares da nosa terra foron perdendo en pos do turismo e a globalización. Por outra banda, a problemática do lobo leva moitos anos de actualidade en Galicia e no resto do norte de España (e polo que souben, tamén nalgunhas rexións de Italia). A lenda da loba branca pareceume un bo xeito de reflexionar sobre os conflitos entre o home e o seu entorno no medio rural.

En terceiro lugar, os animais son unha das miñas grandes paixóns. Non podería imaxinar un tema mellor que o dos lobos da Serra do Courel.

A lenda orixinal presenta un texto relativamente breve. Como foi o procedemento de adaptación ao formato da ópera e á súa extensión? Que achegaches de persoal ao texto?

Como ben dis, o texto orixinal da lenda é bastante breve. Tiven que facer un traballo moi grande de adaptación narrativa para convertelo nunha obra de grande formato como é Loba Branca (arredor de 90 minutos). Teño que salientar que eu non son escritor. En toda a miña vida non pasara de escribir un par de relatos breves e un par de ducias de poemas. Polo tanto, o maior reto desta ópera para min foi ter que converterme por uns meses nun dramaturgo para redactar un libreto sólido que lle dera unha armazón narrativa á opera. Era o que máis me preocupaba de todo. Sei que moitas óperas non se preocupan en exceso da parte narrativa, sempre en pos dos artificios vocais e da parte musical. Eu tiña moito interese en que a ópera estivese construída dende as bases dunha narrativa ben estruturada, con tempo dabondo para que as personaxes principais tiveran un arco dramático convincente.

Na tradición galega estivo activa ata hai moi pouco, como repertorio que se transmitía aínda oralmente e non só como repertorio conservado, unha serie abondosa de narracións e lendas populares, como esta da loba branca, que convivían con cantigas, refráns, cancións de berce ou de labor, proverbios e trabalinguas. De feito, ao longo da túa carreira botaches man de tradicións e mitoloxía propias de Galicia ao carón doutras moitas influencias artísticas, non só musicais, vidas de lugares moi diferentes. Como é a convivencia con tanta diversidade?

As lendas, a mitoloxía e a fe están sempre presentes na miña obra. Encántame utilizar todas estas influencias, que para min van ó fondo propio da esencia humana e que nos conectan con algo moi atávico de nós mesmos. Sei que as influencias poden ser moi diversas. Pode que as diferenzas a primeira vista entre unha lenda do Courel e unha historia da mitoloxía báltica sexan evidentes. Pero sempre vivín máis preocupado do fondo que da forma das cousas. E ó final o bo de todas estas historias e tradicións é que, non importa de que lugar do mundo sexan, conectan arquetipos que están presentes en todas as culturas.

Como valoras a recepción da Loba branca en Italia? Houbo algunha barreira lingüística ou cultural?

Ó contrario, sorprendeume moito atopar que en Umbria houbera tamén en meses recentes algún problema cos lobos no rural. Un compositor asiste sempre con certo desacougo á estrea dunha nova obra, sabendo que o beneplácito do público é indispensable para sentirse ben con un mesmo. Alegroume moitísimo ver que a historia conectou moi ben co público de Città di Castello e que a xente entendeu a mensaxe de respecto á natureza e a nós mesmos que tratei de amosar na obra.

Máis alá do texto, cal foi a inspiración para a parte musical?

Preguntáronme xa moitas veces sobre a inspiración e o estilo musical da ópera. Sempre considero que non son a persoa máis axeitada para falar e etiquetar a miña propia música. O que si que podo dicir é que tiven desde un primeiro momento moi claro que quería que Loba Branca soara como para min soa o Courel. Sempre que penso nesa terra, penso nun lugar belo, pero terriblemente duro. A beleza do courel non é unha beleza amable, non é unha beleza de postal ou de souvenir. É unha beleza austera, grave… a beleza da inmensidade, a beleza do inverno.

Durante os primeiros ensaios moitos músicos me sinalaron que Loba Branca non era unha partitura fácil, en absoluto. Fiquei satisfeito. Non quería que Loba Branca fora fácil de interpretar. Quería que a beleza se alcanzara con certa dificultade. O mesmo os momentos luminosos na ópera chegan sempre despois de moita escuridade. Así, ó fin e ó cabo é moitas veces a vida. 

Tras esta experiencia, tes proxectado compoñer máis óperas?

Ogallá. Por desgraza iso non depende só de min. Eu atopei na ópera un vehículo total para expresar as miñas ideas musicais e narrativas. Ogallá aparezan novas oportunidades de compoñer outra ópera!

Adoitas dar concertos por todo o mundo, sobre todo por Europa. Cal vai ser o percorrido para a Loba Branca?

Agora, o que me quita o sono é conseguir estrear Loba Branca en Galicia. E máis concreto, encantaríame estrear Loba Branca no Courel. É un camiño longo pero por fortuna parece que se están dando os pasos correctos para que isto poida acontecer nun futuro non moi afastado.

L'autore

Inma Otero Varela
Inma Otero Varela
Inma Otero Varela (Carral, 1976) è attualmente professoressa di Lingua e letteratura galega nelle scuole superiori. È stata lettrice di galego nell’Università “La Sapienza” di Roma dal 2003 al 2008. Collabora come critico letterario in “Grial” e “Novas do Eixo Atlántico*. Ha pubblicato studi sulla narrativa galega in svariati volumi e riviste scientifiche (“Critica del Testo”, “Anuario de Estudos Literarios Galegos”, “Boletín Galego de Literatura).

2 thoughts on “Descubrindo a loba branca. Entrevista a Brais González

Comments are closed.