Interventi

In memoria amici Lino ab amico Attilio

testo italiano

Nos últimos anos acendeuse en Lino unha paixón profunda, non só por Italia e máis concretamente por Roma, senón máis ben pola historia da Roma antiga. Os seus últimos textos recollían o pasado do Imperio romano e a súa decadencia, desde aquel “Romano. I giorni della Puglia”, texto bilingüe que publicamos aquí en Italia, ata o último traballo, “Itálica”, aínda sen completar, sobre o que estabamos traballando xuntos e no cal que pararei máis adiante. Por iso me permitín usar o latín no título desta lembranza, non por presumir de erudición, senón por honrar o seu amor pola vella lingua, aínda que deixei o nome de Lino sen declinar, e pido a venia aos amigos latinistas polo meu macarrónico atrevemento.

Coñezo a Lino desde hai tantos anos que o recordo do noso primeiro encontro xa está moi esluído. Confeso que cando decidimos convidalo ao Centro de Estudos Galegos de Roma a primeira vez sabía moi pouco del e da súa obra, pero tiña grande confianza en Inma Otero, lectora do Centro nese período e coñecedora profunda da cultura da súa Galicia. As poucas cousas que lle lin gustáronme e gustábame a idea de non facer a consabida conferencia académica, un tanto ríxida, polo que entre Inma, Carlo Pulsoni e eu organizámonos para facer unha sorte de libreto de produción propia cos textos –traducidos ao italiano por Roberta Maschi e ilustrados por Enrico Pulsoni- que Lino presentaría logo ao seu xeito, distinto e divertido. O propio Lino –para alén de autor foi un actor moi prezado e coñecido en toda España – leunos en público acompañado, coma sempre, de Rómulo Sanjurjo, cómplice excepcional en tantas angueiras.
A Lino e a Rómulo gustoulles a idea e a simpatía entre nós naceu de maneira inmediata e recíproca, sen dúbida coa axuda das enxurradas que escorregaban de Peroni, cervexa que inexplicablemente Lino adoraba cando aínda bebía. Inmediatamente a maxia xurdiu e Lino preguntoume se, á parte do espectáculo presentado no curso académico de Lingua e Literatura Galega, non sería posible sacar aquela pequena actuación fóra dos muros da universidade. Así era Lino, sempre fóra de rego, coa vontade de levar a cultura onde menos se esperaba por ela. E comigo esa porta sempre ía estar aberta. Aínda que a Inma e a min colleunos un pouco de sorpresa, non perdemos os folgos. Atopamos, aínda non sei moi ben como, un pub en San Lorenzo ao que adoitaban acudir moitos estudantes e onde estaban dispostos a darnos acubillo de balde e organizamos todo en poucas horas. Non podo dicir que houbese unha multitude oceánica, xa que obviamente non a había, pero o local estaba cheo e aínda se foi enchendo máis cando se correu a voz de que naquel pub había uns tolos, un deles recitando poemas nunha lingua estraña en compañía doutro que tocaba un acordeón rockeiro e un terceiro (eu mesmo) que traducía de maneira simultánea mentres bailaba cos outros dous. Todo isto ocorría na noite do oito de maio de 2007, ou mellor dito, entre o 8 e o 9, porque aproveitamos ben as horas que dividen dous días, para repetir en Perugia dous días despois e en Padova logo doutros dous máis. E eu decidín acompañar a Lino e Rómulo durante esta tournée pequena e improvisada, porque xa abrollara o vencello que nos tería unidos. Coido que estas escasas liñas son suficientes para bosquexar o home, ademais do poeta, o autor e o actor.
Divertímonos tanto naquela semana xuntos que vimos como ía nacendo unha amizade que nos uniría ata o final. Decidimos que tiñamos que repetir a experiencia canto cantes con textos novos e novos encontros.

Pero sobre todo que tiñamos que seguir divertíndonos do mesmo xeito. Presentóusenos a ocasión en 2009, exactamente dous anos despois. Volvía ser o 8 de maio: ás veces a vida resulta estraña.
Mentres que para o espectáculo de 2007 Lino escolleu unha selección de poemas que xa estaban publicados en varias antoloxías, entre 2008 e 2009 foime enviando algúns textos inéditos e pediume que os traducise. Aínda non tiña claro que ía facer con eles, se cadra un novo libro de poesía, se cadra outra cousa, pero mentres o pensaba gustaríalle velos traducidos e que a primeira lectura fose en Italia, en Roma, naturalmente. Todos os textos se inspiraban no mundo latino, en particular no último período do Imperio romano e na periferia, concretamente en Tarento. Puxéralle o título provisional de Os días de Apulia, sen que eu lle dixese mentres traballabamos na tradución que eu mesmo nacín na “Apulia”, aínda que non en Tarento. Cando llo revelei en Roma antes do “debut” quedou abraiado, pero contento co descubrimento, como se lle desvelase algo que en realidade xa presentía. Esta vez escolleramos, precisamente por tratarse do debut dun texto inédito, un marco un chisco máis formal, Piazza Navona, hospedados na Sala Dalí do Instuto Cervantes, aos que teño que agradecerlles a acollida que en todos estes anos levan ofrecido á cultura galega. Os amigos do Cervantes fornecéronnos todo o que precisabamos, sobre todos os seus contactos tan prezados. A sala estaba abarrotada, Lino e Rómulo felices e eu aínda máis ca eles. Obviamente foi un éxito rotundo, Lino seducía o público co seu xeito de recitar e o acompañamento de Rómulo co acordeón dáballe o golpe de graza á empatía que se creaba entre os que estaban dun lado e doutro do escenario. Lembro que me chamou varias veces para que fose canda el, queríame entre el e Rómulo, non quería que quedase sentado na platea. Dábame apuro, pero no fondo prestábame.

Tamén naquela ocasión Lino conseguiu sorprendernos ao manifestar de maneira absolutamente espontánea a súa vontade de estar a carón da xente, de levar a cultura a todos os currunchos, por moi estraños que parecesen a simple vista. Era, como xa dixen, 2009, o ano terrible do terremoto en L’Aquila. Lino non deixaba de preguntarme como nos atopabamos, como estaba a situación. Quedara profundamente tocado por aquela traxedia. E preguntounos a Carlo e a min, Inma xa volvera a Galicia e non formaba parte da nosa banda, se sería posible levar o espectáculo á zona sísmica para reconfortar un pouco aos que quedaran expostos ao frío das tendas de acampada. Penso que se pode imaxinar facilmente a nosa reacción. Unha idea espléndida, dunha humanidade tenra e conmovedora, pero como podiamos levala a cabo? Mais por outra banda, como lle iamos dicir que non a Lino? Carlo mais eu puxémonos en marcha: o 9 de maio collemos un autobús que nos levou preto de Campomonticchio e alí atopamos unha cidade espectral, con pouquísima xente á que pedir que nos orientase, xa que a estación de autobuses non estaba precisamente ao lado da zona de acampada. Cando chegamos alí, falamos cos responsables. Non recordo con moita precisión, pero creo que nos axudaron un curmán de Carlo que era médico no campamento e Magdalena, unha compañeira da Universidade de L’Aquila.

 

O primeiro que fixeron os rapaces de protección civil foi convidarnos a xantar na tenda na que se atopaba o comedor. Despois leváronnos a un lugar no que se levantaba unha especie de palco improvisado desde o que un megáfono anunciaba que tería lugar un espectáculo, un recital de poesía acompañado do acordeón. A tristeza e a desesperación de quen perdera todo certamente non alimentaba as gañas de distraerse e, ao principio, o espazo que se situaba diante do palco estaba case baleiro. Pero Lino e Rómulo non se desanimaron en ningún momento e continuaron co espectáculo. Pouco a pouco a xente comezou a achegarse. A praza non se encheu como nós esperabamos, pero regresamos a Roma contentos de levarlle polo menos un sorriso a alguén. Ao final do espectáculo, todos os que sentaran canda nós déronlle as grazas a Lino e Rómulo por vir dende tan lonxe e actuar para eles. É unha das lembranzas máis fermosas que gardo. Tamén era un dos recordos máis fermosos para Lino que de alí a uns días, o 18 de maio, escribiume xa de volta en Galicia estas liñas:

Ola, Attilio. Quero expresarte a miña emoción e alegría polos días vividos na vosa compaña. Creo que, aínda que non houbo moita xente en L’Aquilla, é un acto que nos marcará a todos os que asistimos. Para min foi moi especial e desde logo seremos irmáns desde ese día. Como tal irmán, dígoche que tes un país marabilloso. Cunha xente extraordinaria, pero coa desgracia de todos os países marabillosos, unha clase política demencial e corrupta.

O que lle segue é demasiado persoal para transcribilo aquí, quitado os agradecementos a Carlos a aos que fixeron posible tanto a actuación de L’Aquila, como as tres noites sucesivas en Roma, Perugia e Padova, entre os que quero lembrar a Valeria Salinas, Eva Díaz, Giovanni Borriero e María Cendán, entre outros. Loxicamente, o máis fermoso de todos estes encontros nosos eran as ceas de despois e os ríos de Peroni que nos mantiñan espertos ata tarde.

 

Rumores

 

Hai quen dí que son un cabrón

porque escribo sobre as mulleres,

e tamén hai quen dí que son marica

porque escribo sobre os homes.

 

Están equivocados.

Son estranxeiro

e teño escasas inclinacións

sobre ambos sexos.

Tampouco practico a zoofilia,

nen a necrofilia,

nen o onanismo máis alá do necesario.

Digamos que estou vivo,

e preciso ben pouco

de compaña para gozar.

 

Paseo devagar, pero só.

Se cadra por iso

amo máis ás mulleres,

quero máis aos homes,

son tenro cos animais,

respeitoso cos cadáveres

e máis correcto conmigo mesmo,

que os demais coas súas esposas e esposos,

co seu can e os seus mortos,

coa súa persoa e coa miña.

Dicerie

 

C’è chi dice che sono uno stronzo

perché scrivo di donne

e c’è anche chi dice che sono frocio

perché scrivo di uomini.

 

Si sbagliano.

Sono straniero

e ho una scarsa inclinazione

nei riguardi di entrambi i sessi.

Neppure pratico la zoofilia,

nemmeno la necrofilia

né l’onanismo più del necessario.

Diciamo che sono vivo

e che ho bisogno di ben poca

compagnia per star bene.

 

Passeggio lentamente, ma solo.

Forse per questo

amo di più le donne,

provo più affetto per gli uomini,

sono tenero con gli animali,

rispettoso dei cadaveri

e più corretto con me stesso

di quanto non lo siano gli altri con le loro mogli e mariti,

con i loro cani e i loro morti,

con la loro persona e con la mia.


Contra a amargura

 

Claudio nunca saberá como o amo,

e xamais coñecerá a querencia

que por el profesan

algúns dos nosos amigos.

 

Claudio é deses homes

que sempre xulgan os demais

e escasamente

falan das súas virtudes.

 

A súas desventura é a dos escépticos.

E a desconfianza goberna a súa casa,

onde só a infelicidade e a amargura

son ben recibidas.

 

Claudio

non platiques máis ao atardecer

sobre o Senado,

e os nosos estimados senadores.

Bebe,

saborea na compaña dun amigo

un vaso de viño.

E cando mañá

os raios de sol iluminen o teu rostro,

sorrí ante a beleza da nosa patria

e comeza unha nova vida.

 

Contro l’amarezza

 

Claudio non saprà mai quanto lo amo,

né conoscerà mai l’amore

che professano per lui

alcuni dei nostri amici.

 

Claudio è uno di quegli uomini

che giudicano sempre gli altri

ma raramente

parlano delle loro virtù.

 

La sua sventura è quella degli scettici.

E la diffidenza regge la sua casa,

dove solo l’infelicità e l’amarezza

sono ben accolte.

 

 

Claudio,

non dissertare più al tramonto

sul Senato

e sui nostri stimati senatori.

Bevi.

Assapora, in compagnia di un amico,

un bicchiere di vino.

E domani, quando

i raggi del sole illumineranno il tuo volto,

sorridi davanti alla bellezza della nostra patria

e comincia una nuova vita.

 

 

En 2012 Lino agasalloume unha sorpresa marabillosa. Envioume un texto e pediume que o traducise ao italiano: era o resultado final daqueles poemas que recitara en L’Aquila. Convertéranse nun texto teatral moi singular, versos que se facían acción escénica. Díxome que aínda tiña que corrixilo, pero que quería que eu o lese sen falta canto antes, incluso, escribiume, antes de corrixilo. Pero a sorpresa era que me dedicaba o texto e que quería que se publicase en Italia e en edición bilingüe. E así foi. Publicamos o texto, aínda que non viu a luz ata o 2015, debido a varias vicisitudes que se produciron. De feito, poucas semanas despois de enviarme o texto, Lino sufriu un accidente no teatro: durante a dirección dun espectáculo caeu no foso da orquestra, un accidente pequeno, rompeu unha perna e máis nada. O peor veu despois. No hospital confundiron a medicación e provocáronlle un infarto pulmonar e problemas cardíacos dos que non se recuperou nunca. Os danos afectaron algúns órganos vitais. Pero el estaba contento, porque na súa lenta e longa convalecencia estaba escribindo moitísimo e estaba pensando en levar á escena algunhas ideas que tiña na cabeza. Resumindo, estivo a punto de morrer tres veces no hospital e o único no que pensaba era na felicidade de estar aínda vivo e de querer vir antes de nada a Roma para representar o seu texto teatral que ao final titulara “Romano. Os días de Apulia”. Pura alegría de vivir e de aproveitar todo o que a vida lle ofrecía.

Naturalmente a preestrea romana non foi posible, o seu estado de saúde non lle permitía viaxar, polo que o texto comezou a xira nos teatros galegos esgotando as entradas en cada función. Finalmente, en 2015, sempre en maio e no marco habitual de Piazza Navona, acollidos polo Instituto Cervantes, conseguimos levar o texto a escena. Desta vez a sala estaba máis que repleta, a xente estaba de pé fóra, tiñamos medo de que un control nos fixese pechar a sala; un enorme, fermosísimo éxito. Xunta a Lino recitaba Manuel Varela, actriz extraordinaria que canda el representaba a compañía Espello Cóncavo nesta posta en escena romana.

 

A complicidade que vin entre Lino e Manuela era marabillosa, a comuñón escénica funcionaba á perfección. O éxito repítese na consabida xira por Italia, aínda que Lino estaba algo feble e non me pareceu axeitado esgotalo moito. Entre as secuelas da enfermidade estaban a facilidade coa que cansaba, como era de esperar, e sobre todo a obriga de poñer límites no comer e o non poder beber máis. Pero a ausencia do elemento alcohólico non foi un problema. Acompañei a Lino a Perugia e con el e Manuela pasamos horas charlando. Aínda lembro que Manuela, que creo que non estivera nunca en Roma, descubriunos un local que eu non coñecía onde servían uns cocktails extraordinarios, a única derrogación que concedeu Lino á súa abstinencia alcohólica: só se permitiu unha señora copa esa noite. O espectáculo foi precioso e o éxito extraordinario, acompañado do fermoso volume editado en Italia, en edición exclusiva, que contén o guión en ambas as dúas linguas e na cuberta un prezado deseño do propio Lino.

 

Decadencia e Creta

 

Noite. Mar. O Senador pasea polo porto de Tarento. Voces que chegan desde as tabernas portuarias e desde os lupanares.

 

SENADOR

Acostumo na tarde a pasear perto das naves chegadas a porto. Contemplo o mar, os paxaros. Estou envellecendo. Esquecédeme. Só desexo ennoblecer os anos que me quedan repetindo os vellos versos, mellorándoos. Cando ao chegar a noite, o meu corpo se encamiña buscando unha muller, escóitoos susurrar ao meu paso: “Fáise vello, e non cuida de erguer casa e familia”. Non amei vivir cunha amante soa, como non son unha as paisaxes que me pracen. E en canto a fillos, bastante deploro a vosa perigosa e cega incontinencia. Esquecédeme. (Arroxa unhas moedas ao chan.) Regalo as miñas noites ás bailarinas de azados pés, e as miñas moedas aos seus favores.

 

Decadenza e Creta

 

Notte. Mare. Il Senatore passeggia lungo il porto di Taranto. Giungono voci dalle taverne del porto e dai lupanari.

 

SENATORE

La sera di solito passeggio accanto alle navi entrate in porto. Contemplo il mare, gli uccelli. Sto diventando vecchio. Dimenticatemi. Voglio solo nobilitare gli anni che mi restano ripetendo i vecchi versi, migliorandoli. Quando sul far della sera il mio corpo si incammina in cerca di una donna, li sento sussurrare quando passo: “Sta invecchiando e non si preoccupa della casa e della famiglia”. Non ho mai amato vivere con una sola amante, così come non è uno solo il paesaggio che mi piace. In quanto ai figli, deploro quanto basta la vostra cieca e pericolosa incontinenza. Dimenticatemi. (Getta a terra qualche moneta.) Regalo le mie notti alle ballerine dai piedi leggeri e le mie monete ai loro favori.

 

Decadencia e morte

 

Terraza do Senador.

 

SENADOR

Roma, Roma…Se algunha vez me perdo, buscádeme en Roma. Amo Pompeia, pero buscádeme en Roma. Desexo máis Alexandría. A miña mocidade está en Tarento e o meu corazón pertece a Heraklion, mais buscádeme en Roma. Se algunha vez me perdo, ide a Roma, e ao atardecer saíde a pasear sen rumbo fixo. Atoparédesme mirando a fachada dalgún vello palacio, falando con calquera. Alegrareime de vervos. Convidareivos a beber e recordaremos o pasado.

Decadenza e morte

 

Terrazza del Senatore.

 

SENATORE

Roma, Roma… Se mi dovessi perdere, cercatemi a Roma. Amo Pompei, ma cercatemi a Roma. Ancor più anelo ad Alessandria. La mia fanciullezza l’ho trascorsa a Taranto e il mio cuore appartiene a Iracleio, ma cercatemi a Roma. Se mi dovessi perdere, andate a Roma e al tramonto uscite a passeggiare  senza meta. Mi incontrerete mentre guardo la facciata di qualche vecchio palazzo, parlando con chicchessia. Sarò felice di vedervi. Vi offrirò da bere e ricorderemo il passato.

 

Nos últimos cinco anos foi difícil vernos, o seu estado de saúde empeorara e, aínda que seguía traballando, cada vez éralle máis complicado viaxar. Precisaba controis médicos continuos e tiña que estar sempre preto do hospital onde o atendían, por se se producía unha emerxencia. Obviamente, entre unha viaxe e outra que facía el a Italia, ía eu a velo á Coruña, onde escollera vivir. Lembro un día fermosísimo no que estabamos todos xuntos na casa de Rómulo e o seu fillo, que por aquel entón non chegaba ao metro de altura, parecía querer seguir os pasos do pai, aínda que en lugar dun acordeón abrazaba unha guitarra eléctrica. Lino e Rómulo acababan de chegar dunha viaxe a Cuba, a onde levaran o seu espectáculo e de onde trouxeran unha caixa de ron excepcional que compartiron con todos; eran así, para eles as cousas fermosas da vida, e a bebida entraba sen dúbida nesa categoría, eran para compartir cos amigos. Outras veces atopábamonos só Lino, eu e máis Valeira, xa que ela tamén agora formaba parte desta banda, e daquela non falabamos só de arte, senón de nós, das nosas vidas, e a Lino alumeábanlle os ollos cando nos transmitía o amor pola súa parella e a felicidade que lle daba a filla que adoptara. Falaba delas durante horas cun arroubo e unha emoción conmovedores.
Por desgraza co paso do tempo os nosos encontros eran cada vez máis rápidos, cansaba facilmente. A última vez que estiven en Galicia nin sequera conseguín velo, estaba convalecente e os médicos desaconsellaban as visitas; pero falamos por teléfono e díxome que non me preocupase, e que para facerse perdoar, tan pronto mellorase, iría verme a Roma. Recuperouse, pero non conseguiu volver a Italia.
Como se isto non fose suficiente, a tecnoloxía fixo o resto. Por comodidade ou se cadra máis por preguiza, as mensaxes rápidas por teléfono substituíron as nosas cartas, sempre electrónicas, pero escritas con calma, non ás présas nun autobús ou nos refugallos do tempo. Por iso nin sequera conservo de Lino esas mensaxes longas de correo electrónico que intercambiabamos. Ata que no pasado maio chega unha, sen que a esperase para nada, baleira, sen texto, que tiña escrita no obxecto poemas italianos e como adxunto un documento cos seus poemas, máis nada. Linos sen saber se debía facer algo máis. Despois, o 27 de outubro, outra mensaxe, case un poema, 11 liñas con poucas palabras en cada liña. Canto máis a leo, máis me parece que ten a forma dunha composición poética, e dime que hai sete meses que está pechado na casa por mor dunha pulmonía e de varias embolias pulmonares e pregúntame se recibín os poemas, convidándome a corrixir todo o que considerase oportuno. E aquí debo manifestar todo o meu sentimento de culpa, coa esperanza de que, admitir o meu comportamento, sirva para limpar un pouco a conciencia. Nada máis ler a carta, prometinme a min mesmo responderlle canto antes e revisar despois os textos; pero non fixen nin unha cousa nin outra. Preso pola vida diaria, vítima da indolencia que se apoderou de min como consecuencia da historia da pandemia, deixei pasar os días, case sen decatarme. Despois, o pasado 4 de decembro, lembro de súpeto, non sei como nin por que, que non lle contestei e escríbolle escusándome e confesando que non lle respondera por simple preguiza. Prometinlle que me poría axiña a traballar nos textos, cousa que fixen. Pensades que Lino se ofendera? Ou que estaba anoxado porque me esquecera del durante máis dun mes? Para nada, quedara máis tranquilo. A súa resposta foi que estaba feliz por saber de min e comprobar que o meu silencio non se debía á pandemia. El, doente, estaba contento porque soubo que eu estaba ben. Escribiume dicíndome que os problemas pulmonares non melloraran, pero o seu humor era excelente, que estaba escribindo moito e pintando, sobre todo pintando o mar. Engadiu que non tiña que sentirme culpable se aínda non lera os seus poemas e enviábame apertas inmensas.
Polo tanto púxenme a revisar os seus poemas, contando con rematar o traballo durante as inminentes festas de Nadal, momento no que tería máis tempo para dedicarlle aos versos fermosos de Lino. Cando me chegou a noticia da súa morte, tiña corrixidos aproximadamente a metade. Son sobre setenta páxinas en total, densas, como toda a lírica de Lino.
Incluso a data é simbólica. 25 de decembro de 2020. O ano é o da pandemia e o día un día particular, aquel no que todos celebramos dalgún xeito un nacemento: en cambio, por levar a contraria, ese día el marchou. Ou se cadra só foi a súa marabillosa ironía.
Comecei esta lembranza pensando falar dos versos de Lino, da súa obra. En cambio falei dunha amizade espléndida. Máis ca iso, de dous irmáns; e é con esta dedicatoria coa que Lino abre os seus Poemas italianos, que na versión definitiva decidiu titular Itálica: “Questa raccolta di poesie è dedicata al mio fratello Attilio Castellucci”; é dicir “Esta escolma de poemas está dedicada ao meu irmán Attilio Castellucci”. Deixarei a crítica para próximos libros, ou ensaios ou artigos. Porque che fago unha promesa, Lino, e tamén ma fago a min mesmo: vou publicar o teu libro. Atoparei un editor, en Galicia, en España ou en Italia, non importa onde, e vouno publicar, en italiano, como ti querías. Itálica sairá, co título en galego e cos versos en italiano. Será o meu obxectivo futuro para agradecerche a túa amizade.
Pecho cun poema desta escolma aínda inédita, que nos lembra que pouco somos e que parece case unha premonición. Mais incluso o aniquilamento pesimista que contén este caligrama conclúe cun apuntamento positivo, un saúdo e un convite a beber, quen sabe, coñecendo a Lino, calquera interpretación é posible…

Roma, 28 de decembro de 2020

attilio.castellucci@uniroma1.it

(tradución de Inma Otero)

 

NIHIL

 

ancora niente

ancora nulla

ora niente

ora nulla

niente

niente

niente

niente

………

…….

…..

.

.

.

.

.

.

.

.

.

…………………………

…………………………

 

 

 

Salute!

L'autore

Attilio Castellucci
Attilio Castellucci
Attilio Castellucci è laureato in Filologia Romanza presso la Sapienza, Università di Roma, materia nella quale ottiene anche il Dottorato di Ricerca. In seguito si trasferisce per cinque anni a Santiago de Compostela, dove lavorerà presso il centro di ricerche umanistiche “Ramón Piñeiro”. Attualmente lavora come tecnologo all'Istituto Superiore per la Protezione e la Ricerca Ambientale, dove si occupa di comunicazione e realizza documentari; in passato ha esercitato anche con la qualifica di direttore di biblioteca. Per svagarsi, insegna alla Sapienza, Università di Roma, dove impartisce Lingua e Letteratura Galega ma, all'occorrenza, anche Filologia Romanza e Lingua Spagnola; materia, quest'ultima, che ha insegnato anche presso l'Università degli studi della Basilicata. Quando può, si dedica alla traduzione, con un discreto numero di titoli tradotti al suo attivo, soprattutto dal galego e dallo spagnolo, ma senza disdegnare altre lingue, quali il francese e l’inglese. È responsabile dell'accordo tra la Xunta de Galicia e la Sapienza, Università di Roma: dal 1999 dirige il CEG di Roma, il Centro di Studi Galeghi. Dal 2019 al 2022 ha fatto parte del Consiglio direttivo dell’AIEG, l’associazione internazionale di studi galeghi; attualmente, nella stessa associazione, fa parte del Consiglio Scientifico.

One thought on “In memoria amici Lino ab amico Attilio

Comments are closed.